Thursday 28 de March de 2024

O Concello inicia a renovación das áreas de xogos infantís nos colexios de San Pedro de Visma e Alborada


Aproveitando a parada estival da actividade lectiva, o servizo de Infraestruturas traballa na substitución dos conxuntos de xogos existentes por dous novos

Ampliarase tamén a superficie do firme de caucho

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, traballa actualmente na renovación das áreas de xogos infantís dos colexios de Educación Primaria Alborada e San Pedro de Visma, coa previsión de rematar esta intervención a vindeira semana.

Neste sentido, e aproveitando o cese das actividades lectivas durante a tempada estival, o Goberno municipal de Inés Rey está a levar a cabo tarefas de mantemento nos centros educativos da cidade pensando xa no vindeiro curso.

No contexto desta parada, e tras a análise das necesidades existentes nos colexios coruñeses no referente ao mantemento, a finais de xullo comezaron as obras para dotar aos CEIP Alborada e San Pedro de Visma de dous novos conxuntos de xogos para as nenas e nenos de tipoloxía semicuberta, que substituirán aos existentes, e que cumpren coas características técnicas e normativa de seguridade vixentes.

No caso do colexio San Pedro de Visma completouse tamén a recolocación de varios dos resortes de xogo, para respectar as áreas de seguridade de todos os elementos recentemente instalados.

Ademais, e en paralelo, o Concello iniciou a ampliación da superficie do firme de caucho existente na base dos parques infantís dos colexios Alborada e San Pedro de Visma, co obxectivo de adecuar as dimensións das dúas áreas de xogos ao tamaño das novas estruturas instaladas e reforzar, ademais, a seguridade dos máis pequenos.